1 de mayo de 2012

Cantigas de Gutierre da Mirandela (Ⅱ)



ⅩⅣ

Quen de amores fala
moito cala,
   canta o merlo namalva,
   meu amigo.


Quen amores tivo
certo estivo,
   canta o merlono acivro,
   meu amigo.


Quen xa amores minte
se arrepinte,
   canta o merlo nos vimes,
   meu amigo.


Quen a amores serve
arde e ferve,
   canta o merlo na sebe,
   meu amigo


Quen amores conta
non remonta,
   canta o merlo na horta,
   meu amigo


Quen de amores sabe
ben precave,
   canta o merlo na laxe,
   meu amigo


Quen xa amores foxe
brúa e roxe
   canta o merlo na fonte,
   meu amigo


Quen amores cala
pouco fala,
   canta o merlo nas canas,
   meu amigo


Quen amores houbo
ben o soubo,
   canta o merloentre os toxos,
   meu amigo.



ⅩⅤ

Venta outro airiño no meu eirado
e nos plantíos da verde leira,
   eu amigo hei,
   non volo negarei


Sopra outro vento na miña eira
e nas plantiñas do verde eixido,
   eu amigo hei,
   non volo negarei


Venta no eido reverdecido,
sopran airiños no verde prado,
   eu amigo hei,
   non volo negarei.



ⅩⅥ

Eu vou buscala,
e vou collela,
   a fita dos cabelos
   levouma meu amigo


Ai que é vermella,
ai que é encarnada,
   a fita dos cabelos
   meu amigo colleuma


I era encarnada,
i era vermella,
   a fita dos cabelos
   levouma meu amigo


E vou por ela,
eu vou quitarlla,
   a fita dos cabelos
   meu amigo colleuma


E vou sacarlla,
eu vou por ela,
   a fita dos cabelos
   roubouma meu amigo.



ⅩⅦ

Baixaran os cabalos beber á fonte,
vinde miñas amigas a xunta a ponte,
   pasa meu amigo
   i eu ca vista non o sigo


Corrían os poldriños pola ribeira,
imos miñas meniñas onda a abeleira,
   pasa meu amigo
   i eu cos ollos non o sigo


Vinde meniñas ghopas beira da fonte,
cómpre falar dos mozos de hoxe e onte,
   pasa meu amigo
   i eu ca vista non o sigo


Imos nenas bonitas baixo a abeleira,
vinde dicir de amores na randeeira,
   pasa meu amigo
   i eu cos ollos non o sigo


Cómpre dicir dos días de agora e onte,
foran os cabaliños choupar na fonte,
   pasa meu amigo
   i eu ca vista non o sigo


Imos contar das noites na randeeira,
ían poldros salvaxes pola ribeira,
   pasa meu amigo
   mais eu co maxín o sigo.



ⅩⅧ

As aves todas do aire
viñeran voar
onda a beiramar
   e meu amigo
   non quería acordar


Os peixes todos do mar
viñeran nadar
á orela da ría
   e meu amigo
   espertar non quería


As bestas todas da terra
viñeran andar
ribeira do mar
   e meu amigo
   non quería espertar


Tódolos seres do mundo
viñeran estar
á beira da ría
   e meu amigo
   acordar non quería


Tódolos bicos do mundo
viñéralle eu dar
beiriña do mar
   e meu amigo
   houbo alí espertar.



ⅩⅨ

Vou mira-lo alto mar
e mais na praia nadar
   con meu amigo

Vou mira-las augas fondas
e mais nadar entre as ondas
   con meu amigo

Cedo vou nadar á praia
con retranca e mais sen saia
   con meu amigo

Entre as ondas vou nadar
amodiño e devagar
   con meu amigo

E sen saia e con retranca
hei nadar na praia branca
   con meu amigo

Amodiño polas ondas
vou nada-las augas fondas
   con meu amigo

Na praia branca hei nadar
e mais mira-lo alto mar
   con meu amigo.


ⅩⅩ

Na mañanciña de calma morna
o mariñeiro vén na súa dorna,
   devala a maré
   i el meu amigo é


Cando as gaivotas saen dos niños
trae bo peixe e á casa torna,
   devala a maré
   i el meu amigo é


Pra os cons da ría corvos mariños
e mais gaivotas voan dos niños,
   devala a maré
   i el meu amigo é


Ca mañanciña na calma morna
van pola ría corvos mariños,
   devala a maré
   i el meu amigo é


Trae bo peixe e á casa torna
o meu mariñeiro na súa dorna
   e enche a maré
   i el meu amigo é.



ⅩⅪ

Chía o moucho no piñeiral
e a curuxa voa no val,
   leda axúntome eu
   con meu amigo


Pasa a lúa sobre a montaña,
vai baixando no fío a araña,
   leda quedara eu
   con meu amigo


Trila o merlo contra a silveira
e sube o sol pola ribeira,
   leda érgome eu
   con meu amigo
.


ⅩⅫ

Díxenche que a ninguén lle importa
quen vén bater na miña porta,
   meu amigo
   inda cedo foi no caxigo


Dígoche que ninguén debate
quen vén á miña porta e bate,
   meu amigo
   inda antes veu ó poxigo


Díxenche que a ninguén lle ten
quen bate á miña porta e vén,
   meu amigo
   inda hoxe comeu pantrigo


Dígoche que ninguén bufiña
quen vén bater na porta miña,
   meu amigo
   inda agora lambeu no figo.



ⅩⅫⅠ

O cervo na ría da auga escapaba
i eu, coitadiña, choraba a porfía,
   meu amigo vai no mar
   e non hai lume no lar


O cervo na praia a auga fuxía
i eu, malpocada, doía e penaba,
   meu amigo vai no mar
   e non hai lume no lar


Ai eu, coitadiña, que tanto choraba,
ó lonxe o arroaz brincaba na ría,
   meu amigo vai no mar
   e non hai lume no lar


Ai eu, malpocada, penaba e doía
ó lonxe o arroaz na auga choutaba,
   meu amigo vai no mar
   e non hai lume no lar


Ai eu, coitadiña, que tanto penaba,
ai eu, malpocada, choraba a porfía,
   meu amigo vai no mar
   e non hai fume no lar


O cervo na praia a auga fuxía,
na ría o arroaz pra lonxe escapaba,
   meu amigo vai no mar
   e non hei lume no lar.



ⅩⅩⅣ

Levantouse a fermosa,
ergueuse ca alborada
e foi lava-las coitas,
   alá no río, ai meu amigo,
   fun ca alborada


Erguérase a ben feita,
levantouse ca alba
e foi lava-las penas,
   alá no río, ai meu amigo,
   fun ca alborada


Levantouse a ben dada,
erguérase co abrente
e foi lava-las mágoas,
   alá no río, ai meu amigo,
   fun ca alborada


E foi lava-las coitas
e a auga llas levaba,
leváballe cas mágoas,
   alá no río, ai meu amigo,
   fun ca alborada


E a auga llas levaba,
leváballe cas penas
e xa nunca tornaban,
   alá no río, ai meu amigo,
   fun ca alborada
.


ⅩⅩⅤ

A aguia sobre o cavanco
fixo un debuxo branco,
   e meu amigo, ulo?

O raposo no trebello
puxo un sinal vermello,
   e meu amigo, ulo?

O lobo, do meu tesouro
deixou un fío mouro,
   ai meu amigo, ulo?


ⅩⅩⅥ

Ten a ribeira baixa un cheiro acerbo
onde antes augas claras bebía o cervo,
   o río vén doente,
   ai meu amigo


Corren nas abas verdes de xesta e toxo
frascas e reboutallos que meten noxo,
   o monte está doente,
   ai meu amigo


Lixos e porcalladas enchen a praia
e o arroaz polas ondas bagoa e laia,
   o mar está doente,
   ai meu amigo


Ti e mais eu, meu amigo, nus sobre a area
somos outra merdiña que dá a marea,
   o mundo vai doente,
   ai meu amigo.


egm. 2012

☛ PyoZ ☚